Preguntas frecuentes/FAQ
1. ¿Que é alumnado con altas capacidades intelectuais?
Dende ASAC Galicia considérase alumnado con alta capacidade intelectual ao alumnado precoz no eido cognitivo, ao alumnado talentoso nun (talento simple) ou varios eidos cognitivos (talento múltiple, talento complexo ou talento conglomerado) e ao alumnado superdotado. Para acadar unha adecuada identificación deste alumnado é necesario a administración de probas de avaliación actualizadas nos eidos cognitivo e creativo. Tamén resulta clave incluír nos procesos de avaliación probas complementarias para ter en conta as necesidades concretas de cada alumno/a con altas capacidades intelectuais con respecto ao seu desenvolvemento emocional, social, executivo, motivacional e para determinar a presenza ou non doutras necesidades específicas de apoio educativo ou sobreexcitabilidades e polo que se trate dun caso de dobre excepcionalidade.
2. ¿Que é ASAC Galicia?
Creada no ano 1995 e con sede en Santiago de Compostela, a Asociación de Altas Capacidades de Galicia (ASAC Galicia) é unha asociación sen ánimo de lucro formada, maioritariamente, por nais e pais de nenos con altas capacidades. Actualmente está formada por máis de 300 familias e, para acadar os seus obxectivos, ten convenios vixentes coa USC, a UVigo, Latento Altas Capacidades (spin off da USC) e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.
3. ¿ASAC Galicia fai valoracións de altas capacidades intelectuais?
Non, non as facemos directamente, pero recomendamos os servizos de Latento Altas Capacidades, unha spin off da USC que nace da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela. Os seus profesionais forman o equipo que asesora tecnicamente á nosa asociación dende o ano 2018.
4. ¿Que é a Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da USC?
Este servizo de psicoloxía é unha entidade universitaria que leva a cabo labores de docencia universitaria, investigación e desenvolvemento científico e tecnolóxico na temática concreta da atención ás necesidades educativas e emocionais dos nenos e nenas con altas capacidades e das súas familias, co fin de coñecer a realidade deste colectivo e favorecer a innovación e modernización dun sistema educativo verdadeiramente inclusivo.
5. ¿A Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela fai valoracións de altas capacidades intelectuais?
Non, actualmente xa non se fan valoracións dende esta entidade. O coñecemento xerado nesta Unidade no ámbito da identificación das altas capacidades intelectuais foi transferido ao spin off da USC Latento Altas Capacidades, que nace da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da USC e segue vencellada a ela.
6. ¿Que é Ronsel do Campus?
ASAC Galicia organiza o Programa de Enriquecemento Extracurricular Ronsel do Campus, baseado no modelo SEM do Doutor en Psicoloxía Joseph Renzulli, seguindo a metodoloxía dos “clusters”: grupos de traballo de enriquecemento con temáticas variadas guiados por expertos nas materias correspondentes. A dirección, deseño e coordinación de Ronsel do Campus corre a cargo de Latento Altas Capacidades, segundo o acordo de colaboración firmado con esta entidade, a través dun equipo de psicólogos expertos en altas capacidades vinculados laboralmente a ASAC Galicia. Esta é unha actividade exclusiva para socios de ASAC.
7. ¿Que son as Escolas de Familias?
Coincidindo co desenvolvemento dos talleres de Ronsel do Campus, ASAC Galicia leva a cabo unha serie de charlas de expertos en altas capacidades de diferentes ámbitos: (educativo, psicolóxico, neurolóxico, dobre excepcionalidade, emocional, etc.). A nosa aspiración é ofrecer respostas ás numerosas dúbidas que xorden a diario sobre o desenvolvemento persoal, educativo e emocional do colectivo/ das persoas que presentan altas capacidades.
Esta é unha actividade exclusiva para socios de ASAC.
8. ¿Cal é o proceso para ser recoñecido como alumnado NEAE ante a administración no caso das altas capacidades intelectuais?
O Departamento de Orientación é o responsable de realizar a súa propia avaliación psicopedagóxica, que é a considerada avaliación interna e que leva aparellada o recoñecemento das AACC ante a administración educativa. Neste proceso pode colaborar o Equipo de Orientación Específico, concretamente o responsable da área de altas capacidades da provincia correspondente. Se tedes un informe feito por algún profesional ou gabinete, podedes aportalo e será considerado como avaliación externa que pode ser referendado ou refutado polo Departamento de Orientación. En calquera caso, tedes dereito a recibir o informe psicopedagóxico do Departamento de Orientación (ou o que fixese o Equipo de Orientación Específico se tivese que intervir). Este dereito ven recollido no artigo 35.2 do Decreto 229/2011.
9. Non temos informe psicopedagóxico da nosa filla/o pero está sendo atendido educativamente no seu centro, ¿precisamos ese documento?
Si. Dende ASAC Galicia entendemos que sempre é imprescindible contar con un informe psicopedagóxico interno, considerando como tal os realizados polos Departamentos de Orientación dos centros escolares ou polo Equipo de Orientación Específico provincial. A non existencia deste informe psicopedagóxico interno implica a imposibilidade de solicitar becas ou axudas e pode complicar no futuro a adecuada atención ás necesidades específicas de apoio educativo do alumnado.
10. ¿O Protocolo para a Atención Educativa ao Alumnado con Altas Capacidades Intelectuais da Xunta de Galicia (2019) é de obrigado cumprimento?
Non exactamente. Os protocolos establecen cando deben iniciarse, os pasos a seguir e as decisións que se deben tomar segundo determinadas circunstancias durante o proceso educativo. Polo tanto, actualmente, o citado protocolo é un documento orientativo e non ten carácter normativo. Pero si que son de obrigado cumprimento tódalas normas que recolle o citado protocolo como, por exemplo, o Decreto 229/2011.
11. Quero solicitar praza de reserva NEAE por altas capacidades intelectuais, ¿cal é o proceso?
En primeiro lugar deberías ter o informe psicopedagóxico da administración, logo deberás cubrir na túa instancia que solicitas ese tipo de praza e tamén é habitual que o Equipo de Orientación Específico realice unha revisión da avaliación psicopedagóxica.
12. Quero darme de alta en ASAC Galicia, ¿cal é o proceso?
Periodicamente realízanse reunións de entrada de novos socios onde se explica detalladamente o proceso así como diversa información relacionada coa actividade da asociación. Estas reunión só implican o rexistro dos datos e son anunciadas na web e nas redes sociais de ASAC Galicia. Para formar parte da asociación é requisito presentar informe acreditativo das altas capacidades intelectuais.
13. Quero darme de baixa en ASAC Galicia, ¿cal é o proceso?
O procedemento consiste en cubrir e entregar o documento que podedes descargar no seguinte enlace:
006_SOLICITUDE_BAIXA_ASAC_GALICIA.pdf
A comunicación de baixa entregarase á Xunta Directiva da Asociación de xeito presencial, por correo postal ou por correo electrónico no enderezo tesoreria@altascapacidadesgalicia.org No documento debedes especificar si é unha baixa total (co cal abandonades a asociación) ou baixa parcial (co cal mantédesvos como socios pero sen talleres). A comunicación da baixa terá efectos administrativos con carácter inmediato e efectos económicos nos recibos que se emitan a partir dun mes da notificación da mesma.
14. Quero que se eliminen os meus datos persoais da base de datos de ASAC Galicia, ¿cal é o proceso?
Podes exercer os teus dereitos de acceso, rectificación, limitación de tratamento, supresión (“dereito ao esquecemento”), portabilidade, oposición e revogación, nos termos que establece a normativa vixente e aplicable en materia de protección de datos, dirixindo a túa petición á dirección postal Rúa do Tambre 17, baixo, 15705 Santiago de Compostela (A Coruña) ou ben a través de correo electrónico info@altascapacidadesgalicia.org
15. ¿Sabedes dalgún colexio/instituto onde se atendan as necesidades dos nenos con Altas Capacidades? ¿Recomendades algún?
Polo xeral os centros educativos que traballan por proxectos e apostan pola innovación educativa, participando de programas de formación permanente do profesorado coa intención de individualizar e personalizar o tratamento educativo de todo o alumnado, soen contar cunha filosofía de inclusión do alumnado con altas capacidades intelectuais e do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
Como exemplo, podedes consultar os centros educativos adscritos a iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, SEMGAL, nos que profesorado recibe formación e mentorización sobre o modelo de enriquecemento curricular para todo o alumnado (Schoolwide Enrichment Model), sendo este achegamento de aula inclusivo e xeralmente motivador para o alumnado con altas capacidades intelectuais.
http://www.edu.xunta.gal/portal/es/node/30138
16. Gustaríame que no centro educativo do/a meu/miña fillo/a atendesen as súas necesidades en relación ao seu perfil de altas capacidades, ¿que podo facer?
Cómpre buscar a colaboración de tódolos axentes educativos, de esta forma é moi importante buscar apoio non só no titor/a do/a alumno/a se non tamén do departamento de orientación e do equipo directivo do centro educativo. A maiores tamén é recomendable pórse en contacto coa ANPA do centro educativo, para coñecer se xa se fixeron acción formativas con anterioridade en relación a esta necesidade específica de apoio educativo. Dende ASAC-Galicia por medio dun convenio, recentemente asinado coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade colaborase formando e asesorando aos centros educativos que así o solicitan.
17. A valoración que lle fixeron no colexio/instituto ao meu fillo non recoñece as altas capacidades, pero teño un informe externo ao centro educativo onde si se recoñecen,¿é frecuente esta situación?
Moitas variables poden influír nos resultados das probas de intelixencia, dende a elección dos instrumentos, a actualización dos baremos nos que se apoian, o clima no que acontece a avaliación, o vínculo establecido entre o/a avaliador/avaliadora e o/a alumno/a, as circunstancias persoais e/ou familiares propias do momento no que se desenvolve a valoración, etc. Por todo isto, é posible que dúas valoracións realizadas en distintos ámbitos e en distintos momentos poidan chegar a conclusións dispares sen poder concluír que una ou outra valoración e máis ou menos válida. O importante é aproveitar todas as avaliacións que se teñan para poder concretar un plan de traballo onde se estimulen as cualidades cognitivas de cada alumno/a e se traballe en aspectos emocionais, sociais, motivacionais, etc. para acadar un desenvolvemento pleno e integral en cada caso concreto.
18. No colexio/instituto do meu fillo fixéronlle as probas, pero non me deron o informe, ¿que teño que facer para solicitalo?
Se despois de solicitalo informalmente ao departamento de orientación e ao equipo directivo do centro educativo, non se obtén resposta nunha marxe temporal aceptable, pódese solicitar formalmente na secretaría do centro mediante un escrito no que se exprese o interese de contar co informe para poder buscar asesoramento especializado fóra do centro educativo para poder recibir apoio familiar e individual en torno a necesidade específica de apoio educativo por altas capacidades intelectuais. Tal e como se recolle na normativa, “as nais, pais ou titores e titoras legais do alumnado deberán ser informados dos resultados das avaliacións psicopedagóxicas e das medidas propostas, e terán dereito a obter copia do informe psicopedagóxico nas condicións que estableza a consellería con competencias en materia de educación” (Artigo 35.2 do Decreto 229/2011, DOG 21/12/2011).
19. O/A titor/a e/ou orientador/a do centro educativo do/a meu/miña fillo/a non considera prioritario facerlle un proceso de valoración neste momento actual,¿que podo facer?
Tal e como se menciona no Protocolo para a atención educativa ao alumnado con altas capacidades intelectuais, se observas que o/a teu/túa fillo/a cumpre a maioría dos criterios do cuestionario familiar de demanda de intervención por sospeita de posibles altas capacidades intelectuais (ver anexos do protocolo) podes achegalo xunto cunha petición por escrito na que concretes se a túa preocupación está relacionada co seu desenvolvemento, co seo rendemento, coa súa participación das dinámicas de ensinanza-aprendizaxe, co seu aproveitamento das experiencias curriculares, etc.